martes, 22 de febrero de 2011

7 de febreiro de 2011
Son necesarios os límites e as normas?

Hoxe, durante dúas horas, estivemos dándolle voltas a necesidade de ter unas normas e uns límites na familia. Coa axuda de Guadalupe López, que guiou o debate e a reflexión, fomos contestando diferentes interrogantes que como pais e educadores nos facemos:

Ata onde a norma e ata onde a liberdade?, en cada idade cales son as normas que debemos ter na familia?, Que características han de ter esas normas para que sexan cumpridas e asumidas?, Que faremos cando non se cumpran?

Moitos interrogantes e moitas respostas diferentes que sempre enriquecen o debate.

Chegamos algunhas conclusións que podedes ver aquí.


jueves, 27 de enero de 2011


Xa tivemos a charla do Plan Director para a mellora da Convivencia

O luns, día 24 de xaneiro visitounos o sarxento da Garda Civil de Muxía: Alberto Casal. Acompañounos durante hora e media, e mostrounos que riscos podemos correr cando nós ou os nosos fillos e fillas entran en internet. Non era cousa de asustarnos, ao contrario, consiste en utilizar os medios, pero sabendo que temos entre mans. Tamén fomos vendo que accións poden ser delito, aínda que ás veces non o sabemos ,e como sen nós sabelo hai quen vela pola nosa seguridade desde o anonimato. Ao rematar a exposición fixéronse preguntas. Unha das cuestións que máis nos preocupa é a incapacidade de control que ás veces temos como pais e nais, porque estamos algún paso por detrás dos nosos fillos e fillas no manexo e uso de internet. Pero aínda así, comentamos certas actitudes que deben terse en conta na casa para que "navegar" sexa máis seguro. Pinchando aquí podes encontrar unhas páxinas, para poder instalar filtros nos ordenadores que impidan que os nosos fillos entren en contidos impropios para a súa idade e para saber algo máis sobre este mundo.



miércoles, 26 de enero de 2011




O día 13 de decembro tiñamos prevista a presenza no Centro dos responsables na zona de levar adiante este Plan Director. Os pais pediran en concreto que se centrara o tema nos riscos e perigos de internet.

En palabras do propio Plan Director;

"Existe consenso social sobre a relación existente entre a educación que reciben os nosos menores e o seu comportamento futuro como cidadáns, constitíndo a escola, xunto coa familia, unha institución básica para integración social, a adquisición de valores e habilidades sociais, así como para a prevención de condutas contrarias á convivencia.

Este labor educativo para a cidadanía que se concreta a través dos currículos escolares correspondentes, pode complementarse mediante a posta en práctica, nos centros escolares, de actividades que permitan mellorar o coñecemento que os menores e os seus pais teñen sobre os principais problemas de seguridade cidadá que lles afectan como colectivo e sobre os recursos cos que conta a sociedade para a prevención da delincuencia e a protección das vítimas. A preocupación por todas estas cuestións relacionadas coa seguridade dos rapaces e as rapazas na escola e nos outros espazos onde se desenvolve a súa vida impulsou a posta en marcha desta iniciativa".

Por un problema alleo a nós non se puido levar adiante esta charla, que quedou aprazada ata o próximo 24 de xaneiro.


A Violencia contra a muller e a nena é un importante tema de saúde e dereitos humanos.

O luns 29 de novembro, ás 16:30 da tarde continuamos coa segunda sesión deste primeiro trimestre: “Prevención da violencia de xénero desde a familia”

Para dirixir a sesión contamos coa presenza Patricia Vaquero, técnica da área de igualdade do Concello de Camariñas. Durante algo máis de dúas horas estivemos reflexionando sobre a violencia que se exerce contra a muller e a nena, facéndonos conscientes de que é un importante tema de saúde e dereitos humanos. Tomando como referente a poboación feminina mundial, polo menos unha de cada cinco mulleres foi maltratada física ou sexualmente por un home ou varios homes nalgún momento da súa vida. En moitos casos, incluíndo as mulleres embarazadas e as nenas novas, son obxecto de ataques graves, sostidos ou repetidos.

En todo o mundo, calculouse que a violencia contra a muller é unha causa de morte e incapacidade entre as mulleres en idade reprodutiva tan grave como o cancro.

O maltrato da muller é condenado de feito en case todas as sociedades, pero que podemos facer nós, como nais e pais ou educadores, para acabar con esta lacra social? A esta pregunta tentamos responder entre todos. Non podemos mirar para outro lado, nin pensar que é un problema privado de cada familia. Todos e todas debemos actuar e cambiar moitos dos nosos hábitos e comentarios se queremos que as novas xeracións experimenten un cambio real.

Galería de imaxes

martes, 9 de noviembre de 2010




CINE PARA FALAR

Non sei se a miña sensación é compartida por todas e todos os que onte enchiamos a biblioteca do instituto. Foi moi agradable, tanta xente nova acompañada polas súas nais e pais e algúns adultos máis, que estabamos gozando do “aire fresco” que dá a xuventude.

Quen dixo que as familias non responden as iniciativas dos centros? Quen afirma que os rapaces pasan de todo e non van a ningunha actividade? Alí estivemos, vendo a película “Ponte en mi lugar”, comedia que nos fixo rir en máis dunha ocasión, pero o importante viña despois, falar entre todos da nosa realidade.

Falar, falamos máis os maiores, pero pouco a pouco, os máis veteranos e veteranas, foron opinando e facendo que a súa voz se escoitara. Interrogantes moitos: É fácil ser nai/pai?, reproducimos cos nosos fillos e fillas aquilo que xa fixeron antes con nós?, é conveniente marcar “ruta”, aínda que iso traia problemas na convivencia?, debemos gañarnos a confianza dos nosos fillos e fillas, para que saiban que estamos aí sempre que nos necesiten?,…… e, ser fillo ou filla, é fácil?, alguén dixo “EU SON FELIZ”, que bo sería conseguir que todos os nosos adolescentes puideran facer esa afirmación con tanta contundencia.

Moitas cuestións quedaron dando voltas no aire as que non dimos resposta, porque haberá máis dunha posiblemente. O importante non é saber contestar sempre, senón facerse a pregunta, falar, compartir e ser quen de poñerse no lugar do outro para entender como se sinte.

Vémonos o día 29, nesta ocasión só os adultos, para afondar na forma de prever e evitar a violencia de xénero desde a familia. Contaremos con Patricia Vaquero, técnica de igualdade do Concello de Camariñas, para dirixir a sesión.


Galería de imaxes