martes, 9 de noviembre de 2010




CINE PARA FALAR

Non sei se a miña sensación é compartida por todas e todos os que onte enchiamos a biblioteca do instituto. Foi moi agradable, tanta xente nova acompañada polas súas nais e pais e algúns adultos máis, que estabamos gozando do “aire fresco” que dá a xuventude.

Quen dixo que as familias non responden as iniciativas dos centros? Quen afirma que os rapaces pasan de todo e non van a ningunha actividade? Alí estivemos, vendo a película “Ponte en mi lugar”, comedia que nos fixo rir en máis dunha ocasión, pero o importante viña despois, falar entre todos da nosa realidade.

Falar, falamos máis os maiores, pero pouco a pouco, os máis veteranos e veteranas, foron opinando e facendo que a súa voz se escoitara. Interrogantes moitos: É fácil ser nai/pai?, reproducimos cos nosos fillos e fillas aquilo que xa fixeron antes con nós?, é conveniente marcar “ruta”, aínda que iso traia problemas na convivencia?, debemos gañarnos a confianza dos nosos fillos e fillas, para que saiban que estamos aí sempre que nos necesiten?,…… e, ser fillo ou filla, é fácil?, alguén dixo “EU SON FELIZ”, que bo sería conseguir que todos os nosos adolescentes puideran facer esa afirmación con tanta contundencia.

Moitas cuestións quedaron dando voltas no aire as que non dimos resposta, porque haberá máis dunha posiblemente. O importante non é saber contestar sempre, senón facerse a pregunta, falar, compartir e ser quen de poñerse no lugar do outro para entender como se sinte.

Vémonos o día 29, nesta ocasión só os adultos, para afondar na forma de prever e evitar a violencia de xénero desde a familia. Contaremos con Patricia Vaquero, técnica de igualdade do Concello de Camariñas, para dirixir a sesión.


Galería de imaxes

No hay comentarios:

Publicar un comentario